Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Os Ducados longobardos foron as principais organizacións políticas creadas polos longobardos en Italia.
Tras a invasión guiada por Alboíno no 568, o territorio conquistado foi repartido segundo criterios principalmente militares e asignado a aqueles nobres que se distinguiran no combate: os duques, precisamente. O cargo non era novo e estaba ligado á institución da fara, unidade básica da estrutura social e militar dos longobardos, pero despois do asentamento en Italia asume novas características.
O primeiro ducado que se constituíu foi, xa no momento da conquista (569), o do Friúl, confiado por Alboíno a Xisulfo. Particular relevo histórico tiveron os dous ducados erixidos na Italia centro-meriodional (a Langobardia Minor), Spoleto e Benevento, que tiveron mesmo unha ampla autonomía dentro do reino longobardo.
Nos primeiros anos do dominio longobardo en Italia, os ducados rexéronse autonomamente durante un decenio, sen que houbese un rei central (Período dos duques, 574-584). A continuación, fronte á ineficiencia e á perigosa febleza militar dunha tal fragmentación, os duques volveron a elixir un rei (Autario), pero as relacións entre o poder central e os ducados ficaron débiles. Só co tempo o aumento do poder real, cando menos na Langobardia Maior (Italia centro-setentrional), prevaleceu sobre os particularismos dos ducados.
O ducado representou para diversos nobres longobardos unha especie de "trampolín de saída" cara ao trono de Pavia (entre moitos exemplos, sobresaen moitos entre os meirandes soberanos longobardos: Autario, Axilulfo, Rotario, Grimoaldo, Ratchis, Aistolfo, Desiderio). Non sempre con todo o golpe remataba ben, e o intento de usurpación culminaba coa morte do duque rebelde (Alahis, Rotarit).
Os ducados longobardos, tanto na Langobardia Maior como na Langobardia Minor, non foron suprimidos á caída do reino (774), senón que ficaron englobados no Imperio carolinxio. Única excepción, o Ducado de Benevento: pronto elevado ao rango de Principado (pero tamén logo debilitado polas secesións), conservou a súa autonomía e, pola contra, desenvolveu un importante papel político ata a chegada dos normandos (século XI).